viernes, 20 de diciembre de 2024
CAIXAS EXPLOSIVAS
lunes, 16 de diciembre de 2024
O MEU LIBRO FAVORITO DO 2024
Escribísteslle a carta a Papá Noel? Pois non vos esquezades de pedirlle un libro porque é o único agasallo que poderedes abrir cantas veces queirades e cada vez que o fagades sorprenderavos cunha nova aventura.
Por se tedes algunha dúbida e non sabedes cal poñer, aquí vos deixo as recomendacións dos nosos e nosas expertos e expertas lectores e lectoras.
sábado, 7 de diciembre de 2024
MES DA CIENCIA
Deixamos atrás novembro e con el un mes dedicado á Ciencia.
No cole quixemos ter como protagonista a un importante científico que ademais de ser ilustre, foi o noso paisano. Estamos a falar de Pedro Xosé Rodríguez González, coñecido tamén como Matemático Rodríguez ou como o Matemático de Bermés.
![]() |
| https://calanbike.blogspot.com/2015/02/o-matematico-rodriguez.html |
Como todos e todas xa sabedes, naceu en Bermés no ano 1770 no seo dunha familia de labregos que, non con poucos sacrificios e coa axuda dun tío crego, conseguiu mandalo a estudar.
Gustábanlle as matemáticas, a astronomía, a mineraloxía entre outras moitas cousas e ao longo da súa vida non fixo outra cousa máis que investigar. Pero é ben certo o que din os vellos: ninguén é profeta na súa terra. Terían que pasar moitos anos para que o seu traballo, xa recoñecido no estranxeiro, tamén o fora no seu país, isto é, no noso.
Pero agora si que podemos afirmar que Xosé Rodríguez é un científico recoñecido mundialmente e dunha maneira moi especial entre os nenos e nenas do Xesús Golmar.
Aprendemos que...
Axudou a instaurar o metro que empregamos hoxe en día, como unidade de medida de lonxitude.
Demostrou a teoría de Newton de que a Terra é achatada nos polos.
Se queredes ser científicos como Matemático Rodríguez, facer experimentos e aprender cousas sorprendentes, aquí vos deixo uns cantos libros que poderedes consultar.
martes, 26 de noviembre de 2024
PALABRAS FERMOSAS
Din que en Educación Infantil se pilla todo. Por iso onte, os nenos e nenas de catro e cinco anos decidiron abrir unha porta pola que deixaron ceibes os seus sentimentos e emocións; fermosas palabras coas que pretenden contaxiarnos a todos e a todas e conseguir así un mundo un pouquiño mellor.
Que fermosas son esas palabras
que nos acariñan coa súa fala
e que,como bolboretas, nos fan cóxegas
ao musitar nas nosas caras.
LEDICIA, ALOUMIÑO, ESPERANZA
Que fermosas son esas palabras
que nos envolven e nos abrazan
agasallándonos apertas profundas
que sempre acubillan e nunca mancan.
ACOUGO, AFOUTEZA, SORRISO
Que fermosas son esas palabras
BICO, RULIÑA, AGARIMO
nas que se pousan
tanto a tristura como as bágoas.
Que fermosas son esas palabras
que nos tocan a todos por igual,
que nos deixan ser quen somos
e xamais nos falan mal.
TROULA, MORRIÑA, ALBORADA
Que fermosas son esas palabras
que gardamos no noso interior,
dentro dun corazón violeta
que só latexa cando é de amor.
NAMORADOS, AMIZADE, FAMILIA
Que fermosas son esas palabras
cando as deixamos saír,
IGUALDADE, QUERER, FOGAR
cando as facemos libres,
cando as deixamos vivir.
coxefz (25/11/24)
lunes, 25 de noviembre de 2024
25 DE NOVEMBRO
Hoxe é 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A mellor arma atópase, sen lugar a dúbidas, na educación. Eduquemos no respecto, na tolerancia, na liberdade, na igualdade e no amor.
martes, 12 de noviembre de 2024
UNHA CAIXA PARA COMPARTIR
Imaxino que vos decataríades de que a noite pasada deixeivos un agasallo pendurado do teito da entrada do colexio. Si, é unha caixa. E supoño que vos estaredes preguntando que hai dentro dela. Pois xa vos adianto que non hai nada. Está baleira e seredes vós os que a teredes que encher de cousas marabillosas.
Nesta ocasión, por moi raro que sone en mín, non teredes que buscar esas cousas nin nos libros nin en internet. Esta vez teredes que pescudar na memoria dos nosos maiores, un lugar no que se agochan tesouros moi valiosos que non podemos deixar que se perdan.
Compartide cos vosos avós e coas vosas avoas un anaquiño do voso tempo e xa veredes canto aprendedes deles.
E estáseme ocurrindo!!! Xa que no Magosto coñecemos algúns xogos tradicionais, que vos parece se empezamos por preguntarlles a que xogaban cando eles eran pequenos?
Ai, Biblioreta. que boas ideas tes!!!
viernes, 8 de noviembre de 2024
O MAGOSTO
Como arrecende a castañas asadas! Estou desexando fincarlles o dente. Pero antes quero comentarvos algunha curiosidade que lin na Wikipedia.
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.
( https://gl.wikipedia.org/wiki/Magosto)
E mentres as castañas se están preparando, toca baixar ao pavillón para coñecer e practicar algún xogo tradicional. Hai moitos onde escoller.
Xogo dos mamparos
Taboleiro do gato
Pai, nai e fillo
Xogo das chapas
O xogo da ra
Os birlos
Discos pola ponte
Mourón da cruz
Que ben o pasamos! E cantas cousiñas aprendemos!
Os nenos e nenas de catro anos animáronse tanto que ata fixeron un boliche cunha castaña. Que vos parece?
jueves, 7 de noviembre de 2024
NOVIDADES
Ola! Como xa teredes comprobado, a nosa biblioteca estase renovando continuamente. Aquí vos deixo as últimas novidades.
lunes, 4 de noviembre de 2024
FESTA RACHADA
Que vos dixera! Que seguro seguriño que había un montón de sorpresas preparadas para a festa do Samaín. E así foi! Non me equivoquei.
Disfraces, festa rachada, algunha que outra trasnada e...
Un obradoiro de medo arredor do conto "Sete monstros e un gato".










































































