"Para chegar lonxe non hai mellor nave ca un libro" Emily Dickinson

martes, 26 de noviembre de 2024

PALABRAS FERMOSAS

Din que en Educación Infantil se pilla todo. Por iso onte, os nenos e nenas de catro e cinco anos decidiron abrir unha porta pola que deixaron ceibes os seus sentimentos  e emocións; fermosas palabras coas que pretenden contaxiarnos a todos e a todas e conseguir así un mundo un pouquiño mellor.

 

Que fermosas son esas palabras

que nos acariñan coa súa fala

e que,como bolboretas, nos fan cóxegas

ao musitar nas nosas caras.

LEDICIA, ALOUMIÑO, ESPERANZA

Que fermosas son esas palabras

que nos envolven e nos abrazan

agasallándonos apertas profundas

que sempre acubillan e nunca mancan.

ACOUGO, AFOUTEZA, SORRISO

Que fermosas son esas palabras

BICO, RULIÑA, AGARIMO

nas que se pousan

tanto a tristura como as bágoas.

Que fermosas son esas palabras

que nos tocan a todos por igual,

que nos deixan ser quen somos

e xamais nos falan mal.

TROULA, MORRIÑA, ALBORADA

Que fermosas son esas palabras

que gardamos no noso interior,

dentro dun corazón violeta

que só latexa cando é de amor.

NAMORADOS, AMIZADE, FAMILIA

Que fermosas son esas palabras

cando as deixamos saír,

IGUALDADE, QUERER, FOGAR

cando as facemos libres,

cando as deixamos vivir.  

                                   coxefz (25/11/24)








No hay comentarios:

Publicar un comentario