Din que en Educación Infantil se pilla todo. Por iso onte, os nenos e nenas de catro e cinco anos decidiron abrir unha porta pola que deixaron ceibes os seus sentimentos e emocións; fermosas palabras coas que pretenden contaxiarnos a todos e a todas e conseguir así un mundo un pouquiño mellor.
Que fermosas son esas palabras
que nos acariñan coa súa fala
e que,como bolboretas, nos fan cóxegas
ao musitar nas nosas caras.
LEDICIA, ALOUMIÑO, ESPERANZA
Que fermosas son esas palabras
que nos envolven e nos abrazan
agasallándonos apertas profundas
que sempre acubillan e nunca mancan.
ACOUGO, AFOUTEZA, SORRISO
Que fermosas son esas palabras
BICO, RULIÑA, AGARIMO
nas que se pousan
tanto a tristura como as bágoas.
Que fermosas son esas palabras
que nos tocan a todos por igual,
que nos deixan ser quen somos
e xamais nos falan mal.
TROULA, MORRIÑA, ALBORADA
Que fermosas son esas palabras
que gardamos no noso interior,
dentro dun corazón violeta
que só latexa cando é de amor.
NAMORADOS, AMIZADE, FAMILIA
Que fermosas son esas palabras
cando as deixamos saír,
IGUALDADE, QUERER, FOGAR
cando as facemos libres,
cando as deixamos vivir.
coxefz (25/11/24)