"Para chegar lonxe non hai mellor nave ca un libro" Emily Dickinson

martes, 26 de noviembre de 2024

PALABRAS FERMOSAS

Din que en Educación Infantil se pilla todo. Por iso onte, os nenos e nenas de catro e cinco anos decidiron abrir unha porta pola que deixaron ceibes os seus sentimentos  e emocións; fermosas palabras coas que pretenden contaxiarnos a todos e a todas e conseguir así un mundo un pouquiño mellor.

 

Que fermosas son esas palabras

que nos acariñan coa súa fala

e que,como bolboretas, nos fan cóxegas

ao musitar nas nosas caras.

LEDICIA, ALOUMIÑO, ESPERANZA

Que fermosas son esas palabras

que nos envolven e nos abrazan

agasallándonos apertas profundas

que sempre acubillan e nunca mancan.

ACOUGO, AFOUTEZA, SORRISO

Que fermosas son esas palabras

BICO, RULIÑA, AGARIMO

nas que se pousan

tanto a tristura como as bágoas.

Que fermosas son esas palabras

que nos tocan a todos por igual,

que nos deixan ser quen somos

e xamais nos falan mal.

TROULA, MORRIÑA, ALBORADA

Que fermosas son esas palabras

que gardamos no noso interior,

dentro dun corazón violeta

que só latexa cando é de amor.

NAMORADOS, AMIZADE, FAMILIA

Que fermosas son esas palabras

cando as deixamos saír,

IGUALDADE, QUERER, FOGAR

cando as facemos libres,

cando as deixamos vivir.  

                                   coxefz (25/11/24)








lunes, 25 de noviembre de 2024

25 DE NOVEMBRO

Hoxe é 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A mellor arma atópase, sen lugar a dúbidas, na educación. Eduquemos no respecto, na tolerancia, na liberdade, na igualdade e no amor.

 


    

martes, 12 de noviembre de 2024

UNHA CAIXA PARA COMPARTIR

Imaxino que vos decataríades de que a noite pasada deixeivos un agasallo pendurado do teito da entrada do colexio. Si, é unha caixa. E supoño que vos estaredes preguntando que hai dentro dela. Pois xa vos adianto que non hai nada. Está baleira e seredes vós os que a teredes que encher de cousas marabillosas. 

 


Nesta ocasión, por moi raro que sone en mín, non teredes que buscar esas cousas nin nos libros nin en internet. Esta vez teredes que pescudar na memoria dos nosos maiores, un lugar no que se agochan tesouros moi valiosos que non podemos deixar que se perdan.

Compartide cos vosos avós e coas vosas avoas un anaquiño do voso tempo e xa veredes canto aprendedes deles.


E estáseme ocurrindo!!! Xa que no Magosto coñecemos algúns xogos tradicionais, que vos parece se empezamos por preguntarlles a que xogaban cando eles eran pequenos?

Ai, Biblioreta. que boas ideas tes!!!

viernes, 8 de noviembre de 2024

O MAGOSTO

Como arrecende a castañas asadas! Estou desexando fincarlles o dente. Pero antes quero comentarvos algunha curiosidade que lin na Wikipedia.

O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira. 

( https://gl.wikipedia.org/wiki/Magosto)

E mentres as castañas se están preparando, toca baixar ao pavillón para coñecer e practicar algún xogo tradicional. Hai moitos onde escoller.

 

Xogo dos mamparos

 

Taboleiro do gato

 

Pai, nai e fillo

 

         Xogo das chapas

 

 

O xogo da ra

                                                                                                                             

Os birlos


 

Discos pola ponte


 

Mourón da cruz

Que ben o pasamos! E cantas cousiñas aprendemos!

Os nenos e nenas de catro anos animáronse tanto que ata fixeron un boliche cunha castaña. Que vos parece?




 

jueves, 7 de noviembre de 2024

NOVIDADES

Ola! Como xa teredes comprobado, a nosa biblioteca estase renovando continuamente. Aquí vos deixo as últimas novidades.






 

lunes, 4 de noviembre de 2024

FESTA RACHADA

Que vos dixera! Que seguro seguriño que había un montón de sorpresas preparadas para a festa do Samaín. E así foi!  Non me equivoquei.

Disfraces, festa rachada, algunha que outra trasnada e...

Un obradoiro de medo arredor do conto "Sete monstros e un gato".









Ademais, lemos o xornal na procura de noticias terroríficas que, por desgracia hai moitas! Pero nós decidimos convertelas en pantasmas a ver se dese xeito conseguimos que se esfumen dunha vez para sempre.




martes, 29 de octubre de 2024

SAMAÍN

Ai! Como me gustan as festas e as celebracións! E o que máis, as vésperas! Cando empeza ese formigueo na barriga provocado polas ansias de que chegue por fin ese día tan esperado.

Iso foi o que sentín hoxe mentres percorría os corredores do cole cheíños de caveiras, catrinas, cintas e flores. 

Porque... por se alguén aínda non se enterou, mañá imos celebrar o Samaín. Si, si, O SAMAÍN. Esa festa na que uns e outros nos disfrazamos coa intención de asustar aos demais. Que divertido!

Como somos un centro multicultural, este ano decidimos dedicar ese día ao Día dos Mortos, unha  tradición mexicana que xa está estendida por moitos outros países latinoamericanos.

Sobre iso, teño que dicirvos que na biblioteca podedes atopar a película COCO e máis o seu libro.

 Pero, se ademais estades dispostos e dispostas a pasar un día de medo, recoméndovos que collades calquera destes libros terroríficos.

 Para os máis maiores.
 E para os pequerrechos.

A ver mañá que sorpresas nos agardan !

 

 

lunes, 28 de octubre de 2024

OBRADOIROS DE ANIMACIÓN Á LECTURA

 Ola outra vez.

Esquecinme de dicirvos que todas as tardes dos luns, de 15.30 a 17.00, seguimos facendo obradoiros de animación á lectura. E digo "seguimos" porque eu non perdo peto, aínda que en realidade a encargada de organizalos é a mestra Ana Belén Mariño. Son moi interesantes e divertidos. Pasámolo xenial!!!, e aprendemos un montón de cousas.

No que levamos de curso xa fixemos varios: 

 
 
 


 
O próximo será o 4 de novembro. Animádevos e bulide a apuntarvos porque as prazas son limitadas.

 

martes, 8 de octubre de 2024

BENVIDA.

Ola nenos e nenas!

Despois duns mesiños de descanso, aquí me tedes de novo, un curso máis. Estades preparados e preparadas? Espero que si porque eu veño coas pilas cargadas e a mochila a tope de ideas e de experiencias para compartir con todos vós.

Ahhhh! Por se alguén aínda non me coñece, son Biblioreta, a mascota da biblioteca. 


Como xa sabedes, a biblioteca é o corazón da escola; un lugar no que os libros latexan con forza facendo que emane o coñecemento que circula polos corredores e chega ás portas das vosas aulas. Abrídelle!! Deixádeo entrar! É un espazo para desfrutar, aprender, crear, soñar... Nela podedes atopar un sen fin de recursos como contos, revistas, libros informativos, materiais audiovisuais e multimedia. Algúns pódense levar prestados para a casa porén hai outros que só se poden consultar en sala. Pero lembrade que despois de facelo sempre hai que devolvelos ao seu estante. 

HORARIO:

Nas sesións programadas polos vosos profes.

Nos recreos, de 11.30 a 12.00.

Todas as tardes de 15.30 a 17.00 (agás os martes).

Vide. Estamos agardando por vós.


jueves, 4 de julio de 2024

CAIXA DE LECTURA: A BOTELLA DE LENTELLAS

 Unha caixa de lectura consiste en aportar obxectos (feitos a man, reutilizados, debuxos, etc.) que intenatan aportar ideas sobre ol ibro lido.

Neste caso foi con "A botella de lentellas". Despois de lectura dialóxica, cada alumno aportou a súa caixa.

Cada unha, máis orixinal.